Apróbase por unanimidade unha proposición non de lei para buscar solucións aos empregados despedidos daquela.
O 'Cason', no momento do afundimento
O Parlamento recoñeceu este mércores o labor sindical dos representantes da empresa Alúmina-Aluminio que foran despedidos polo conflito do Cason. Os membros do comité de empresa decidiran por unanimidade acollerse ao artigo 19.5 do Estatuto dos Traballadores e evacuar a factoría se os camións coa carga tóxica do buque, afundido en decembro de 1987, entraban nas instalacións.
Os tres grupos parlamentarios apoiaron a proposición non de lei do deputado nacionalista Fernando Blanco Parga, que insta a estudar "a apertura dunha mesa de negociacións para acadar solucións individuais aos problemas laborais e de cotizacións dos traballadores despedidos por este conflito", acontecido hai vinte anos. O recoñecemento prodúcese dous días despois da conmemoración do Día da Clase Obreira Galega.
Fernando Blanco dixo que os despedidos en 1987 "non poden ser os que paguen por un conflito que padeceron eles mesmos e milleiros de galego e galegas". "Estamos a falar dun tema de represión sindical que aínda non está pechado", engadiu o parlamentario do BNG, que fixo un relato cronolóxico dos feitos, iniciados o 5 de decembro de 1987.
Uns 104 traballadores recibiron a ameaza de despedimento após unha falsa manobra na que os camións coa carga se achegaron á factoría, que provocou que os empregados desaloxasen a empresa. Ao día seguinte, os membros do comité recibiron a carta de despedimento, ratificada polo Tribunal Supremo.
O texto aprobado este mércores inclúe o recoñecemento explícito do labor sindical dos traballadores despedidos da factoría de San Cibrao e que se estude entre a Administración e as organizacións sindicais, coa posíbel colaboración da empresa e da Administración Estatal, acadar solucións individuais aos problemas das persoas despedidas polo conflito.