A cantante acompañará á Orquestra Sinfónica de Galicia no espectáculo 'Quen canta os seus males espanta', na Coruña entre o martes 11 e o sábado 15.
O concerto ofrece un percorrido histórico pola voz no folklore galego: a voz con acompañamento musical, os cantos relacionados coas diferentes épocas do ano, a tonada, os cantos de cego con zanfona... Ao longo do programa, os músicos e actores interactúan cos rapaces facéndolles partícipes do espectáculo. Con guión e coordinación de Fernando Martínez e dirección de Mercedes Peón e Fernando Martínez, o concerto conta coa presenza dunha longa lista de cantantes, actores, e intérpretes de diferentes instrumentos tradicionais da música de Galicia.
Quen canta os seus males espanta ofrécese esta semana a razón de dúas sesións diarias (ás 10 e 11.30 horas), dende o martes 11 de marzo até o venres 14 de marzo, no Teatro Rosalía Castro da Coruña. A derradeira actuación terá lugar o sábado 15 de marzo a partir das 12 do mediodía. O concerto forma parte da programación didáctica da Orquestra Sinfónica de Galicia.