A manipulación dos censos de caza é clara e xeralizada. ADEGA e "Matar por Matar Non" estudaron os Planos de Ordenación Cinexética (POC) de dous TECORes, un de Ourense e outro de Pontevedra, confirmando a falsidade dos datos que regulamentan a presión cinexética nestes espazos. En teoría, os datos dos censos obtéñense mediante avistadores que realizan percorridos de varias horas e anotan o número de animais das distintas especies que avistan. Sorprendentemente, a análise destes POCs reflicte que o número de avistamentos de perdices, raposos, xabaríns e corzos acada cifras absolutamente incribles.
Por exemplo, o 5 de outubro os avistadores realizan un percorrido de 15 Km no TECOR de San Trocado en Ourense, entre 8 e 9 da noite, por seis zonas distintas e nese escaso tempo son quen de avistar 11 coellos e 14h perdices, todo isto coa axuda de cans, todoterreos e focos. É sabido que ao anoitecer as perdices están refuxiadas e son extremadamente difíciles de ver. O día 5 de setembro entre as 8 e as 14h fixéronse batidas en 3 sitios diferentes do mesmo TECOR conseguindo montar 12 postos de observacion, 2 batidores e levar 7 cans. Nestas 6 horas tiveron tempo para mobilizar todos estes recursos en tres lugares diferentes, realizar as batidas respectivas neses lugares e avistar 47 animais (34 xabaríns e 13 corzos)
Para contrastar estes datos e demostrar con claridade esta manipulación, fíxose un percorrido de avistamento polo TECOR San Trocado e Cidade nas mesmas condicións que aparecen no seu Plano de Ordenación Cinexética. Os resultados foron moi distintos: precisáronse 2 horas e media para facer o mesmo percorrido do 5 de outubro, e unicamente puideron observarse 3 coellos e 1 raposo, cifra que parece moito máis normal para un monte galego que os 25 animais que reflicte o POC.
No entanto, estes portentosos rastreadores lonxe de ser unha excepción, son un caso xeralizado como comprobamos no Tecor da Rocha na Estrada. Neste couto de caza, avistan en todos os percorridos gran cantidade de raposos, xabaríns, coellos e corzos. Calquera persoa que camiñe habitualmente pola natureza comprobará que nos montes galegos resulta practicamente imposíbel ver 3 coellos, 1 perdiz, 1 corzo e 1 xabarín en 2 horas de camiñata. Como curiosidade, no Plano de Ordenación Cinexética do TECOR da Rocha afírmase que non inclúe ningunha área protexida. A realidade é que este TECOR forma parte do LIC Brañas de Xestoso pertencente á Rede Natura 2000.
As densidades de fauna que recollen os POCs están avaladas por técnicos (veterinarios ou enxeñeiros técnicos forestais) que sistemáticamente sobreestiman os censos para permitir cazar un excesivo número de pezas, realizar campionatos coma o do raposo ou ampliar a tempada de caza deste animal até o 10 de febreiro. Este inflado de censos está a provocar que se dean permisos para cazar un número de animais que non existe. Tamén, son o argumento que utiliza a Federacion Galega de Caza para xustificar os campionatos de raposo xa que, segundo eles, hai moitos e "hai que controlar o seu número" ou "están obrigados a cumprir os cupos por Medio Ambiente".
O negocio que move a caza parece estar detrás desta situación irregular que está a causar un grave perxuizo ao medio ambiente galego. Para a administración, sería moi doado verificar estes datos. Bastaría con que destacase algún axente in situ para realizar os mesmos recorridos e deste xeito comprobar que o número de animais avistados non se asemella aos datos dos POC.
Basta xa de tolerar estas manipulacións e desta connivencia co "lobby" da escopeta. Sen entrar a cuestionar a caza en si mesma, é preciso comezar a facer as cousas ben, a repoboar axeitadamente, respectar os periodos de veda e a garantir unha á ordenación cinexética seria e rigorosa. Dentro da administración existen responsábeis desta situación, que miran para outro lado e se limitan a asinar o que os cazadores lles poñen diante.
ADEGA e "Matar por Matar Non", denunciaremos estes feitos diante do Valedor do Pobo, sen prexuizo de ulteriores accións xudiciais. Dende estes colectivos esiximos á Consellería de Medio Ambiente que depure as responsabilidades ás que haxa lugar no Servizo de Caza, e que tomen as medidas precisas para que os POC se axusten á realidade, e non sexan un trámite máis para os que queren disparar sobre todo o que se mova.