Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A construción como motor económico

Moscova é a cidade con maior investimento inmobiliario de Europa

Ademais, Rusia é líder do continente en construción de centros comerciais, segundo un informe presentado esta semana na Feira Internacional Inmobiliaria de Cannes.

Redacción - 13:30 12/03/2008
En Rusia edifícanse cinco millóns de metros cadrados ao ano

En Rusia edifícanse cinco millóns de metros cadrados ao ano

Moscova é a cidade máis atractiva de Europa para investir na construción e na compra de inmóbeis comerciais, segundo un informe realizado por PricewaterhouseCoopers e o Urban Land Institute para o xornal económico Vedomosti.

O documento coloca a capital de Rusia no primeiro lugar, cunha avaliación de 7,22 nunha escala de nove puntos. Séguenlle Istambul e Múnic. París, unha das cidades que sempre liderou este tipo de investimento cae ao sexto posto, namentres que Londres -que é decimo terceira- non aparece nin entre as dez primeiras, salienta o periódico ruso.

Os únicos datos referentes ao Estado Español fan referencia a Madrid e a Barcelona, que se sitúan na 23ª e na 25ª posición, respectivamente. "A construción inmobiliaria en Moscova avanza a un ritmo anual de máis de cinco millóns de metros cadrados, cinco veces máis rápido ca en París", afirman dende unha das maiores promotoras inmobiliarias de Rusia.

"Hai unha gran escaseza de oficinas, hoteis e centros comerciais na capital de Rusia. As superficies vacantes representan entre un 3% e un 4% do mercado, fronte ao 10-12% típico das economías estábeis", sinala Serguei Riabokobylko, da empresa Cushman&Wakefield.

Rusia, líder europeo en construción de centros comerciais

Neste senso, os medios rusos recollen a información achegada pola compañía Jones Lang LaSalle na Feira Inmobiliaria de Cannes. En 2007, Rusia foi o líder europeo na construción de centros comerciais. No continente construíronse máis de seis millóns de metros cadrados, un millón máis ca en 2006, di o estudo Construción de centros comerciais. Tras Rusia, aparecen países coma Italia e Polonia.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: