A Consellaría de Cultura cursará un convite para que o ministro César A. Molina asista á inauguración.
Desta vez si. A Biblioteca Pública de Compostela inaugurarase o vindeiro venres 28 de marzo, e constituirá unha homenaxe ao alcalde galeguista da cidade, Ánxel Casal, que morreu fusilado en agosto de 1936. A Biblioteca Ánxel Casal abrirá con sesenta mil volumes, entre libros (cunha numerosa colección de obras dirixidas ao público infantil), filmes (centrada en documentais, cine independiente e cine galego), cedés musicais, publicacións periódicas, e unha completa bedeteca, co mellor da banda deseñada galega e internacional. Eses fondos iniciais, para os que a Consellaría de Cultura investiu medio millón de euros entre 2007 e 2008, serán ampliados de forma paulatina, co obxectivo de garantir unha oferta de títulos sempre actualizada.
En xaneiro o ministro de Cultura César A. Molina inaugurou o edificio, aínda en obras e sen equipamento, o que provocou unha gran polémica e críticas de "electoralismo", sobre todo dende a Consellaría de Cultura da Xunta. Así e todo, Cultura cursará un convite para que Molina asista á inauguración do día 28.
Homenaxe a Ánxel Casal
A Consellaría decidiu que a nova biblioteca levase o nome de Ánxel Casal, intelectual galeguista e alcalde republicano da cidade, fusilado en 1936, peza fundamental do rexurdimento do libro e da cultura galega no primeiro tercio do século XX. Casal foi detido polos fascistas e o seu corpo apareceu nun foxo en Cacheiras (Teo) o 19 de agosto.