As ondas derrubaron parte da varanda do paseo marítimo, que caeu enriba de catro viandantes.
Un golpe de mar deixou catro persoas feridas na Coruña cando se derrubaron arredor de 40 metros da varanda do paseo marítimo da cidade este luns pouco despois das seis da tarde. O suceso produciuse na zona das Catalinas, segundo informaron fontes da Policía Local a Europa Press, e os entullos e a auga arrastraron catro paseantes que quedaron feridos leves. Ademais, tres coches aparcados no lugar resultaron danados, o mesmo ca diverso mobiliario urbano.
As persoas afectadas sofren feridas e fracturas nas extremidades e foron trasladadas ao Hospital Juan Canalejo, despois de seren atendidas polo 061. Para retirar os cachotes foi necesario cortar o tráfico na zona comprendida entre o Playa Club e a glorieta de Bos Aires.