Intervencións no Congreso Escritores-Profesores e na Universidade de Barcelona.
A académica da RAG e a escritora Luz Pozo Garza participan no I Congreso Escritores-Profesores que, en homenaxe ao poeta Antonio Machado, se celebra nas cidades que marcan o itinerario vital do poeta. Durante a súa estadía en Barcelona ofrecerá unha lectura poética da súa obra na UB, presentada por Olivia Rodríguez, profesora de teoría da literatura na Universidade da Coruña. O acto, organizado por Filologies Gallega i Portuguesa e mais o Centre Dona i Literatura, será presentado por Basilio Losada, amigo persoal da escritora, ademais de antólogo dalgúns dos seus poemas para edicións españolas de poesía galega contemporánea.
Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) é unha das poetas galegas máis destacadas da poesía galega desde a postguerra. Directora das revistas Nordés e Clave Orión, colaborou en como crítica literaria e como creadora en Ínsula e Grial. Entre os seus libros cómpre salientar Códice calixtino (1986), Prometo a flor de loto (1992), Vida secreta de Rosalía (1996), Medea en Corinto (2002) e As arpas de Iwerddon (2005).
Lectura poética "Esta son eu agora e vexo o mundo"
Luz Pozo Garza, presentada por Olivia Rodríguez
Mércores 12 de marzo ás 11.30 h
Aula 103B -Edifici Històric
Facultat de Filologia - Universitat de Barcelona
Gran Via de les Corts Catalanes, 585 | 08007 Barcelona
Asistencia aberta.