A emisora viguesa celebra as súas décadas de historia cun concerto que terá lugar este venres na Fábrica de Chocolate, no que se verá o rencontro de 'Nenos da Revolta'.
Radio Piratona comezou a emitir o 8 de marzo de 1988 (Dia da Muller Traballadora), no 104.9 FM desde a escola de FP de Teis. En maio tiveron que abandonar o centro, que recibira presións dende o Ministerio de Transportes e Comunicacións. Nos anos seguintes, a Piratona emitiu dende un pub do centro de Vigo, e muda a súa sede ao Centro Social ocupado da Ruela. Foron mudando tamén as súas frecuencias de emisión, sucesivamente apropiadas por emisorais legais, até chegar á definitiva (polo de agora) 106.0 FM. Dende 2001 Radio Piratona mantén unha estabilidade, tanto nos seus locais, coma nos seus equipos, que lle permitiu consolidar a súa programación e actividades.
Este venres 7 de marzo haberá un gran concerto de conmemoración do vixésimo aniversario de Radio Piratona na Fábrica de Chocolate, con entrada de 5 euros para axudar economicamente á emisora, e no que destaca o rencontro dos integrantes de 'Nenos da Revolta'; ademais, actuarán Tiro na Testa e La Vaga Banda. Así mesmo, no centro social A Tiradoura de Cangas exhíbese unha exposición sobre os 20 anos da Radio Piratona dende o pasado 29 de febreiro.
O obxectivo é que a celebración deste aniversario sirva para relanzar o proxecto, no que na actualidade colaboran de xeito habitual unhas 15 persoas. Quérese que Piratona se convirta nun referente na comarca de Vigo e todo o sur da provincia de Pontevedra. Na actualidade o seu sinal chega a case todas as zonas de Vigo, e a parte sur do Morrazo, e está en proxecto a instalación dun repetidor, para que poida cubrir toda a península. As actividades do aniversario continuarán nos vindeiros meses coa edición dun CD recompilatorio, cun total de 44 bandas galegas e de todo o Estado, habituais nos programas da emisora.
Seis 'radios libres' en Galiza
As radios libres e comunitarias xorden da necesidade, da ausencia de emisoras que dean voz a determinados colectivos (veciñais, políticos, sociais, ecoloxistas...) que non atopan a posibilidade de expresarse nos medios de comunicación convencionais. En Galiza, case todas as emisoras comunitarias localízanse en zonas urbanas (agás o caso de Radio Roncudo). Parece que o mapa de radios municipais, localizadas todas en zonas rurais ou semiurbanas, vén paliar un tanto as necesidades comunicativas comunitarias ou, cando menos, de servizo público dentro destes contextos socioculturais.
Filispim é iniciativa da Asociación Cultural para a Activación de Medios de Comunicación Alternativos (Colectivo OPAíí Ferrol), amparada por diversas entidades culturais, sociais e reivindicativas da comarca de Ferrolterra, entre as cales se atopa o Ateneo Ferrolán, sede social do colectivo.
Radio Kalimera vén funcionando dende hai máis de 15 anos, iniciando a súa actividade na residencia universitaria do Burgo das Nacións. Despois de varias etapas, e de cesar as súas emisións durante un tempo, retomou a actividade en febreiro de 2007, no 107.9FM. En xuño comezou a emitir en internet, o que lles serviu para paliar a limitada cobertura que acada dende a súa sede na Casa Encantada de Compostela.
Na Coruña, CuacFM ten xa unha longa traxectoria, de máis de dez anos, emitindo dende a Universidade da Coruña baixo a coordinación dunha asociación que funciona dentro da propia UDC. Ten unha programación moi completa e consolidada, e é a única destas emisoras que acepta algún tipo de publicidade ou patrocinios.
En Lugo, Radio Clavi funciona mediante unha coordinadora de asociacións de diversos ámbitos, conformando a Asociación polo Movemento Radiofónico Lugués. Naceu en 1997 e despois de emitir durante un ano unha orde do Goberno Civil esixiu o seu peche; mesmo solicitaron unha licencia nunha convocatoria que ofrecía unha frecuencia para unha "emisora cultura e educativa"; gañouna a Asociación da Prensa de Lugo, que nunca exerceu a función para o que lle fora concedida. Radio Clavi regresou a finais de 2005, e dende entón continúa as súas emisións, con programas musicais, de debate e mesmo informativos.
Radio Corme ou Radio Roncudo, no concello de Ponteceso, iniciou emisións no verán do 2004 baixo a iniciativa da Asociación de Veciños de Corme. Hai que ter en conta que na comarca de Bergantiños non hai radios municipais e a única programación local provén das desconexións de Radio Voz e a Cadena SER.
Rede Galega de Radios Libres
Estas seis emisoras conforman a Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias (Regarlic) co obxectivo de compartir experiencias, acadar o recoñecemento da súa labor social e mellorar as súas condicións de emisión. Ademais, en Ourense ten funcionado durante anos Radio Benposta, e en Vigo debe ser salientado o papel de Radio Coia e Onda Nada, emisoras todas nacidas co obxectivo de dar voz ao barrio ou comunidade dos veciños que representan e para os cales emiten. Estas emisoras teñen atopado na rede unha boa ferramenta para a súa difusión. Nas súas emisións online ou na distribución de arquivos de audio, non hai licencias, nin saturación do espectro, nin interferencias, nin cobertura limitada.
As emisoras funcionan tamén como dinamizadoras socioculturais, levando as súas iniciativas fóra das ondas. Así, teñen callado iniciativas coma a Festa Hortera de Radio Kalimera en Compostela, o Festival Conspirando por umha rádio livre de Rádio Filispim en Ferrol, a conmemoración da Revolución dos Cravos e os festivais pola liberdade de expresión de Radio Clavi ou o certame de maquetas de Cuac Fm.
Corenta anos de historia
Reciben a denominación de radios piratas nos países nos que non están recoñecidas pola lei, como é o caso do Estado Español (en Italia ou a Francia post-Miterrand si se ten regulamentado o seu funcionamento). Os primeiros exemplos xurdiron nos anos sesenta, con obxectivos dispares: dende emisoras puramente comerciais (Radio Caroline, Radio City, en Inglaterra) até as que tiñan fins políticos (como a Radio Vert francesa ou as emisoras libres italianas, encabezadas pola 'guerrilla informativa' e o estilo 'mao-dadaísta' de Radio Alice), mais todas cun discurso renovado e contracultural.
As primeiras experiencias no Estado Español comezaron na Transición, en 1979, cando bota a andar Ona Lliure, da man dun colectivo de profesores e de alumnos da Facultade de Ciencias da Información de Barcelona. De aí en diante, outras radios comunitarias xurdiron nos anos oitenta como froito do desencanto ante a política de medios do primeiro goberno de Felipe González. Neste clima, a reunión da Coordinadora de Radios Libres en 1983 en Villaverde definiu os obxectivos e as normas de funcionamento deste tipo de emisoras, facendo fincapé no seu funcionamento autoxestionario, e o seu modelo participativo e autónomo dos grupos de presión, co obxectivo prioritario de "darlle a palabra á xente".