Centos de persoas camiñaron de Guitiriz a Lugo esta cuarta feira para exixiren a súa readmisión e que se cumpra o convenio colectivo.
Os condutores animaban aos traballadores ao seu paso pola N-VI
Centos de persoas participaron esta cuarta feira nunha marcha entre as localidades de Guitiriz e Lugo para demandaren a admisión de trinta traballadores da empresa Ingemarga, fábrica do grupo vasco Ingemar, dedicada ao serrado de ferro, granito, mármore e calcaria. Dous dos despedidos forman parte do comité de empresa.
A compañía comezou cos despedimentos 'disciplinarios' cando os operarios reclamaron o cumprimento do convenio colectivo da construción da provincia de Lugo. Este estabelece unha xornada de traballo de luns a venres. No entanto, Ingemarga exixe que as fins de semana sexan tamén días hábiles.
"Óso duro de roer"
Os traballadores propuxéronlle á empresa seguir acudindo sábados e domingos, sempre e cando chegasen a un acordo económico (seis euros por cada hora traballada). Mais os apoderados de Ingemarga, previa consulta co consello de administración, negáronse."Todos os traballadores da sección de serra asinaron a petición", afirma Antonio Niño, responsábel de construción da CIG.
O representante sindical di que unha das peticións que lle fixeron ao delegado de Traballo na xuntanza que mantiveron ao rematar a marcha desta cuarta feira é "que consiga sentar na mesa de negociación a Orella (presidente de Ingemar)". Segundo Niño, os apoderados da empresa en Guitiriz "teñen as mans atadas e todo o consultan con el por teléfono".
"No conflito xa mediou o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), e dende esas non tivemos ningún contacto coa empresa", recoñece Niño, que lembra ademais que Ingermarga xa foi sancionada en varias ocasións pola Inspección de Traballo, mais que ao ser polo procedemento administrativo, "recorren todo e non hai avances". "Son un óso duro de roer, pero o cumprimento do convenio colectivo é innegociábel", advirte o responsábel da CIG.
Marcha de case seis horas
Perto dun cento de manifestantes -convocados por UXT e CIG- partiron ás 7.00 horas de Guitiriz pola estrada N-VI, e multiplicáronse por tres unha vez chegaron a Lugo, contra as 13.00 horas. Polo camiño, os condutores animaban ao grupo ao seu paso.
O percorrido rematou cunha concentración fronte ao edificio administrativo da Xunta, e coa posterior reunión co delegado de Traballo, Miguel Vázquez Calvo. Este comprometeuse a facer todo o que estea dentro das súas competencias para solucionar o conflito laboral.
Esta non é a primeira medida de protesta. A pasada semana realizaron outra marcha polas rúas de Guitiriz, e o pasado 27 de febreiro levaron a cabo un paro de 24 horas, secundado pola totalidade do persoal.