Numerosas bitácoras do país impídenlle a entrada ao navegador de Microsoft o 4 de marzo.
Os usuarios de IE atópanse este martes co erro
Chegou o 4 de marzo, o día 403. Unha parte da comunidade blogueira galega, sobre todo moitos dos pioneiros do Blogomillo, sumouse á campaña a prol do seguimento dos estándares web e que este primeiro ano está dedicada a protestar contra o Internet Explorer. Moitos blogs individuais decidiron impedirlle a entrada aos usuarios do maioritario navegador e redirixilos á páxina oficial do 403 day, onde se lles informa dos prexuízos que lles causa aos desenvolvedores web o uso dese software de Microsoft. Mesmo o servizo de creación de blogs en galego Blogaliza decidiu incluír o engadido que bloquea o acceso do Explorer este día para que os seus usuarios poidan aplicalo dun xeito sinxelo.
Porén, parece que o ano que vén o Internet Explorer xa non será o albo desta xornada, se é que se volve repetir. Microsoft anunciou que a próxima versión do navegador, o IE8, vai interpretar as páxinas web conforme aos estándares. Deste xeito, sumarase á filosofía que o xigante informático anunciou recentemente de que fomentará os principios de interoperabilidade.