ADEGA e a Plataforma de Quilmas teñan xa denunciado estes feitos perante o SEPRONA para que se depuren as pertinentes responsabilidades. Chama a atención que a planta de Stolt en Quilmas, unha das primeiras en implantar un sistema de xestión ambiental ISO 14000, continúe con estas práticas vertendo ademáis a un espazo protexido da Rede Natura. Ao igual que a piscifatoría de troitas "ecolóxicas" en Carballio, na que destapamos o uso masivo de antibióticos, queda demostrado a nula seguridade ambiental destas instalacións e o escaso control dunha administración que até o de agora só se limitou a mirar para outro lado.
Esta é a realidade, sustentada polos datos da propia Xunta (Augas de Galiza) que confirmou que prácticamente todas estas instalacións (27 en total) carecen de permiso definitivo de vertido. Este permiso debe concederse con anterioridade á licenza municipal de obras. Como é posíbel que unha instalación industrial poida levar anos funcionando (algunhas máis de 15) sen que ninguén lle controle as súas emisións contaminantes?. Que pequena empresa ou negocio podería estar funcionando sen os permisos e licenzas preceitivas? No millor dos casos, a única medida de "depuración" á que se someten os efluentes é unha malla metálica de 1 milímetro de paso, sistema do que a todas luces carece a planta de Stolt de Quilmas, malia a ter implantado un sistema de "xestión ambiental". Como estarán as demáis...
Sobre os riscos dos vertidos destas instalacións, as recomendacións da UE son ben claras: a Comisión Europea (Decisión 1-3-2001) fai a seguinte observación a respeito das piscifatorías galegas: "Coidar a depuración das augas das piscifatorías, a posíbel contaminación xenética e a propagación de enfermidades a outras poboacións [salvaxes]". No entanto, o sector segue ao seu, agardando que a administración aprobe un Plano Acuícola feito á medida dos seus obxectivos empresariais. Á vista destes datos e da actitude dalgunhas empresas, como é posíbel que a Xunta se plantexe sequera subvencionar con cartos públicos a quen leva anos vertendo a caño libre millóns de m3 de augas contaminadas nas nosas millores augas?