A pesar de que Bogotá se desculpa pola acción militar, a crise diplomática afonda coas acusacións sobre presuntos vínculos do goberno ecuatoriano coas FARC.
"Non aceptaremos que co pretexto do combate do que eles chaman terrorismo se impriman doctrinas de irrespecto á soberanía dos Estados", declarou o presidente de Ecuador, Rafael Correa. Ao tempo, Correa anunciou o envío de tropas á fronteira norte do país, logo da decisión similar do presidente de Venezuela, Hugo Chávez, despois da incursión de militares colombianos en territorio ecuatoriano nunha operación contra as FARC.
Correa anunciou tamén a "inmediata expulsión" de Carlos Holguín, embaixador de Colombia en Quito, e de xeito paralelo ordeou a volta de Bogotá de Francisco Suéscumdo, embaixador ecuatoriano. Por outro lado, o goberno ecuatoriano solicitou a reunión urxente da Organización de dos Estados Americanos (OEA) e da Comunidade Andina (CAN) para tratar o acontecido.
Despois de coñecérense estas decisións, tiña lugar unha conferencia de prensa do xeneral Óscar Naranjo, director da Policía Nacional de Colombia, quen aseguraba que os computadores encontrados no transcurso da operación contra as FARC obxecto da polémica, inclúen datos que confirmarían a existencia de contactos deste grupo co goberno de Ecuador.