Un informe da CIG, que emprega datos de 2007, revela que as mulleres cobran até un 27% menos.
A Confederación Intersindical Galega acaba de presentar un informe sobre a situación da muller no mundo laboral. As conclusións deixan ver ás claras que a igualdade entre sexos no traballo dista moito de ser unha realidade. O sindicato nacionalista conclúe, con datos de 2007, que a muller sofre máis inestabilidade e salarios máis baixos.
Unha cifra ben elocuente é que a porcentaxe de homes en paro ascendeu o ano pasado até unha taxa do 5,8%, mentres que a da muller superou lixeiramente os dez puntos. De media, elas cobran un 27% menos cada mes.
Mais o informe da CIG tamén revela que a muller traballadora destina 2,3 horas ao día a labores domésticos mentres que os homes dedican a penas unha hora. Sobre o sexo feminino segue a recaer, ademais, o coidado de nenos e maiores.