'PeriFeria' é resultado dun proxecto de colaboración entre o Centro Dramático Galego e a Associação Cultural Recreativa de Tondela.
PeriFeria o resultado dun proceso de creación colectiva a partir de textos de Marta Freitas, Carlos Santiago, Manolo Cortés e do elenco de Voadora, integrado por Marta Pazos, José Díaz, Hugo Torres e Afonso Castro, e contou coa dirección de escena e dramaturxia da actriz e produtora catalana Montse Triola.
A montaxe, interpretada en portugués, galego e castelán (as tres linguas nas que foron escritos os textos), propón unha reflexión sobre o fracaso empregando a festa como pretexto dramático. Este fracaso festexado en PeriFeria fai que os personaxes se comparen cos grandes derrotados da historia, rían dos mitos, se laien de non conseguir ser o que un día desexaron e crean nos soños, que magnificos en abstracto, fracasan cando se materializan.
PeriFeria é a primeira entrega da triloxía escénica Lugares Comúns, construída en torno tres discursos temáticos diferentes -o fracaso, o esquecemento e o paraíso- a través dunha dramaturxia que se apoia na linguaxe do teatro visual, o teatro textual, a música en directo e a performance.
A montaxe, que foi presentada o pasado 8 de febreiro no auditorio Novo Ciclo de Tondela, terá representacións este sábado 1 (20.30) e domingo 2 de marzo (18.00) no Salón Teatro de Compostela. A entrada, dez euros o sábado, con descontos para estudantes e xubilados, e 5 euros o domingo.