Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Denuncian a "caza de bruxas" de estudantes

Profesores e alumnos da USC piden a dimisión da decana de Económicas

A Asemblea Xeral de Estudantes recolle en tres días máis de 150 sinaturas para protestar pola actitude de María Teresa Cancelo tras o boicot a María San Gil.

Redacción - 19:00 26/02/2008

A Asemblea Xeral de Estudantes da Universidade de Santiago de Compostela recolleu dende a quinta feira máis de 150 sinaturas entre profesores e alumnos, apoiando un manifesto onde se pide a dimisión da decana da Facultade de Económicas da USC, María Teresa Cancelo, polas "medidas represivas" e pola "caza de bruxas" levada a cabo tras o intento de boicot a un acto da presidenta do PP no País Vasco, María San Gil.

Dous dos voceiros da asemblea, Daniel Cao e Iago Barros, presentaron o manifesto este martes na Facultade de Económicas, onde se produciron os incidentes polos que foron imputados cinco estudantes por "aldraxes", "ameazas", "desorde pública" e "atentado".

A Asemblea defende as protestas contra o acto de María San Gil, por ser o espazo universitario un foro de "desenvolvemento libre das ideas críticas" e, en consecuencia, como marco "perfectamente lexítimo" para exercer o dereito á liberdade de expresión.

Paralización do proceso xudicial e do expediente universitario

Por iso, denunciaron a "criminalización" do conxunto do estudantado e da comunidade universitaria por estes feitos, "o que nos fai reflexionar sobre o progresivo recorte de dereitos da nosa sociedade". Alertaron, ademais, da arbitrariedade nas inculpacións realizadas tras o incidente, "até o punto de vérense procesadas persoas non presentes no acto".

Xa que logo, dende a Asemblea -que convocou unha concentración na Praza do Toural de Compostela, esta quinta feira ás 20.00 horas- exixen a liberdade "plena" dos detidos e reclaman o cesamento das intervencións policiais así como a paralización do proceso xudicial coa retirada dos cargos. Tamén, demandan que non se abra ningún procedemento administrativo dentro da universidade.

Neste senso, a pasada quinta feira, a Xunta de Facultade de Económicas -composta por representantes de profesores, alumnos e PAS- defendeu a "autonomía universitaria", e desmarcouse das manifestacións e das actuacións realizadas por María Teresa Cancelo, das que afirmaron "non poden ser interpretadas como opinións do conxunto da Facultade".


4,97/5 (37 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: