Esta segunda feira os representantes da cidade entregaron en Madrid o dossier da súa candidatura, que compite coa de Murcia.
Sen faltar á cita que marca o calendario do Consello Superior dos Deportes (CSD), a cidade de Vigo entregou esta segunda feira, de mañá, o Dossier de Candidatura, un documento que contempla as esixencias regulamentarias marcadas pola Federación Internacional de Deporte Universitario (FISU) para optar á candidatura oficial da Universiada de Verán en 2013.
No documento faise referencia ás infraestruturas deportivas, de comunicación de hoteleiras que a cidade olívica posúe, alén de engadir a programación cultural e outros aspectos relacionadas coa Universiada.
Os que deciden
Unha das dúas candidaturas, a da cidade de Vigo ou a da de Murcia, será escollida pola Comisión Técnica do CSD, mediante votación o vindeiro 11 de marzo, para representar ao Estado Español na loita internacional polas olimpiadas universitarias de 2013.
Nesta hai representantes das universidade Juan Carlos I de Madrid, da Universidade de Cantabria, de Alicante, de Santiago de Compostela, de Valladolid, de Málaga e da Autónoma de Barcelona. Ademais, tamén deciden os directores xerais para os Deportes de Andalucía, de Madrid, e o Director Xeral de Deportes e o Subdirector Xeral de Promoción Deportiva e Deporte Paralímpico do CSD. Na escolla tamén participan os presidentes das federacións españolas de atletismo, baloncesto, esgrima, fútbol, ximnasia, deportes acuáticos, tenis, voleibol, judo, tenis de mesa, ciclismo, remo e vela.
Os organizadores da posíbel Universiada viguesa terán que expoñer a súa candidatura por unha hora, perante a citada comisión. De ser escollida Vigo, catro días despois terá que presentar en Bruxelas, na sede da Federación Internacional de Deporte Universitario, este mesmo dossier.
Despois, entre o 16 de marzo e o 30 de maio unha delegación desta organismo ha viaxar a Vigo para avaliar as infraestruturas da cidade, como xa fixera o CSD. Finalmente, o 31 de maio a cidade deberá defender a súa proposta en Bruxelas ante a Comisión da FISU, quen resolverá ese mesmo día.