A estatua proxectada, que resultou gañadora nun concurso, titúlase 'Guerrillero Heroico' e únese á efixie en honor a Martí, xa existente no municipio.
Oleiros contará dende este ano cun gran monumento en honor de Ernesto 'Che' Guevara. Grande en dimensións, pois medirá oito metros, e unirase á avenida que atravesa o centro do concello e que xa leva o nome do líder revolucionario, e ao monumento en lembranza de José Martí.
Os artistas cubanos Juan Quintanilla Álvarez e Karol William Pérez gañaron o concurso de proxectos convocado polo concello de Oleiros, segundo recolle Granma este martes. Os creadores estiman que os traballos de construción do monumento, titulado Guerrillero Heroico, ocuparán ao redor de tres meses. A estatua estará composta de pedra galega e de aceiro e o proxecto foi cualificado de 'complexo' polos expertos. Quintanilla é Profesor de Mérito do Instituto Superior de Arte (ISA), e é considerado un dos máis recoñecidos escultores cubanos contemporáneos.
En Badalona inaugurouse en novembro de 2007 unha estatua dedicada ao 'Che' construída en ferro e cunha altura de seis metros; o monumento foi obra do escultor Holguín Sílvio Pérez Carralero. Así mesmo, na cidade arxentina de Rosario, onde naceu Ernesto Guevara, está previsto que se presente o 14 de xuño de 2008 (día do nacemento do revolucionario) a primeira estatua en honor do Che en Arxentina, fabricada con tres mil quilos de bronce procedente de doazóns particulares.