Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
SETE CASOS

Alerta no Paraguai pola febre amarela

Centos de paraguaios cruzan a fronteira arxentina para aplicarse a vacina contra a peste na provincia de Formosa.

Débora Campos - 13:42 25/02/2008

Centos de cidadáns paraguaios cruzaron nos últimos días a fronteira cara a territorio arxentino nunha desacougante procura da aplicación da vacina contra a febre amarela, enfermidade que rexistra un preocupante brote en zonas rurais e urbanas do país. En case toda a xeografía paraguaia rexistráronse durante esta semana dramáticas imaxes de persoas realizando extensas colas para acceder á vacina contra esta doenza e atopándose con que as doses dispoñibles non alcanzan a satisfacer a demanda.

Por tal motivo, houbo unha psicose desatada en terras guaranís que non tardou en cruzar os ríos Pilcomayo e Paraguai, polo que aos propios cidadáns arxentinos (da provincia de Formosa) que están cumprindo un plan de vacinación fronte aos centros sanitarios se sumaron nas últimas horas os cidadáns paraguaios que buscan protexerse contra a enfermidade.

Na procura da vacina
O posto de vacinación máis concorrido é o situado na zona fronteiriza de "San Ignacio de Loyola", segundo se detalla no portal de noticias local Formosaya. As autoridades informaron que, tal e como estaba previsto, chegaron as 30 mil doses de vacinas preventivas, polo que importantes filas de persoas presentáronse fronte aos distintos centros de saúde.

En Paraguai, no entanto, aínda seguen agardando a colaboración dos estados limítrofes, logo de que se estimase que as doses de vacinas se esgotarán nas próximas 48 horas. Entre as hipóteses que se manexan en Paraguai sobre a orixe dos focos, unha indica que se venderon monos traídos do departamento de San Pedro, onde estivo o primeiro foco, e probablemente eses animais traían o virus.

Outra versión é que o transmisor viaxou nalgún vehículo con algunha persoa. A Organización Mundial da Saúde (OMS) xa confirmou a existencia de sete casos de febre amarela en zonas rurais de Paraguai, mentres que outras catro persoas poderían contraer a enfermidade en áreas urbanas.

Sete casos
Os sete casos confirmados apareceron no departamento de San Pedro, mentres que os outros xurdirían na localidade de San Lorenzo, preto de Asunción, malia que aínda non foron confirmados pola OMS.

A febre amarela é transmitida polos mosquitos Aedes aegypti en áreas urbanas, produce alta febre, xera falla renal, problemas hepáticos, dificultades cardíacas, vómitos, hemorraxias xeneralizadas e a miúdo é mortal. A vacinación é a única medida efectiva porque unha vez contraída non se coñece tratamento. Para 2001, a OMS estimaba que a febre amarela causa 200.000 enfermidades e unhas 30.000 mortes cada ano en poboacións non vacinadas.


2,6/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: