Os nacionalistas cren que os conservadores están a buscar “excusas” para que non se celebre.
O debate entre Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana e Alberto Núñez Feijoo previsto para o vindeiro mércores pode quedar en nada. Nunha primeira reunión para ultimar os preparativos, os representantes populares (Ana Peón, Diego Calvo e Alfonso Rueda) rexeitaron a posibilidade de que o debate teña lugar no Hotel San Francisco de Santiago (escenario habitual de actos do PSdeG). Os conservadores tampouco están conformes coa proposta de que o xornalista Alfonso Hermida modere o debate, á vez que prefiren que a emisión sexa en diferido. Fontes da CRTVG que cita El País advertiron que xa non hai tempo material para cambiar de lugar, á vez que mostraron o seu malestar polo veto do PPdeG a Alfonso Hermida. Dende o ente público sinalan que “o debate será en San Francisco ou non será” xa que non hai tempo material para cambiar o escenario.
Pola súa parte, os nacionalistas están dispostos a acudir ao debate. Fontes desta organización sinaláronlle a Vieiros que “o PPdeG está nunha actitude de dicir non a todo”. No BNG consideran que os conservadores non teñen nada claro que o debate favoreza os seus intereses: “Por un lado, a Feijoo interésalle como oposición que é, pero pola outra eles seguen unha estratexia que busca que haxa unha baixa participación, que é a mellor maneira que teñen para vencer no estado”. Esta tarde, os representantes dos tres partidos volverán ter unha reunión con membros do CRTVG para intentar que se desbloquee a situación.
O que semella que irá adiante é o debate desta noite entre Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy (pódeno ver a través da TVG, ás 21.55 horas). O voceiro do BNG, Anxo Quintana, aproveitou un acto en Bueu para criticar un debate no que augurou que “non se falará unha palabra de Galiza”. O nacionalista preguntou en voz alta: “Imos ver ese debate como papanatas?”