Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irlanda

Edición xestionada por María Golpe
RSS de Irlanda
Bertie recibe unha tarxeta de San Valentín xigante

Activistas polos dereitos gais amósanlle o seu amor ao primeiro ministro irlandés

Organizados por Noise (ruído), reivindicaron os seus dereitos ante o primeiro ministro irlandés, Bertie Ahern, o pasado 14 de febreiro.

María Golpe - 19:15 23/02/2008

Os activistas entregaron unha tarxeta xigante as portas do Parlamento co slogan "Bertie my Valentine" ("Bertie, o meu Valentín"). Con 1.000 poemas de amor e mensaxes dirixidos ao Taoiseach, os autores pedíronlle ao goberno irlandés que legalice o matrimonio para parellas do mesmo sexo na República de Irlanda.

"A todo o mundo lle gusta recibir unha tarxeta no día de San Valentín, polo que pensamos que o Taoiseach igual lle prestaría máis atención ás peticións de igualdade para parellas homosexuais se llo poñemos nunha tarxeta xigante," explicou o organizador e membro de Noise, Edward Matthews.

"Moitas parellas do mesmo sexo celebran o día de San Valentín xuntas, pero ningunha delas recibiu un anel de compromiso, como moitas parellas heterosexuais. As parellas gais non poden casar polo que tampouco poden facer plans a longo prazo da maneira que fan outras parellas o que é totalmente inxusto. Todo o mundo debería ter dereito a casar."
Aínda que Bertie Ahern non saíu a recibir a tarxeta en persoa, membros de Noise disfrazados de ramos de flores repartiron flores a varios parlamentarios e aos transeúntes.

Outro dos organizadores, Paul Kenny, dixo que as parellas gais non se resignaran "a ser tratadas como cidadáns de segunda clase".

O estado irlandés non recoñece actualmente ningún dereito legal ou civil para as parellas do mesmo sexo.


4,25/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: