Este sábado o Concello de Lalín recorda ao seu pintor máis internacional, e reivindícao, para "darlle pulo" á súa relevancia fóra de Galiza.
Este sábado Lalín vólvese lembrar de José Otero Abeledo, 'Laxeiro', xusto no día no que o pintor cumpriría os cen anos.
A xornada comeza ás 11:00 horas cun sobrio acto no cemiterio de A Romea, cun gaiteiro e unha coroa de loureiro, que se ha pousar xunto onde repousan os restos do xenial pintor. Despois está programada unha visita conxunta á parroquia de Donramiro, onde está a casa na que Laxeiro naceu hai un cento de anos.
Ao mediodía está previsto o acto central, no Auditorio Municipal de Lalín, no que se agarda a asistencia dunhas 250 persoas vinculadas á cultura galega, coma Ramon Villares, historiador e presidente do Consello da Cultura Galega; o intelectual e artista Isaac Díaz Pardo; o pintor Antón Lamazares; e o escritor e coordinador do acto, Carlos G. Reigosa.
"O punto de arranque da pintura galega"
Así definiu Carlos G. Reigosa a Laxeiro, e xunto cos demais promotores desta homenaxe lembrou que o importante é que a homenaxe chegue aos medios de comunicación, e que estes preparen especiais sobre o pintor, para darlle pulo á súa figura e a relevancia que merece, tamén a nivel internacional.
Polo seu lado, o Concello de Lalín apoiou as reivindicacións dos promotores da homenaxe, mais tamén lembrou que o seu municipio, e a comarca d'O Deza, en xeral, teñen o "privilexio" de contar con "grandes pintores galegos", como Laxeiro ou Colmeiro.