Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
FEIRA INTERNACIONAL DO LIBRO DA HABANA

"A algúns dálles pánico que a literatura galega se visibilice fóra"

Para moitos autores, as críticas á presenza de Galiza na mostra cubana revelan unha visión subalterna da cultura propia. O debate está aberto.

Redacción - 19:07 22/02/2008

A participación de Galiza na Feira Internacional do Libro da Habana marca un antes e despois na internacionalización da literatura galega. As críticas do PPdeG á viaxe fixeron que se dera un debate sobre o papel da literatura propia e a importancia de que esta saia alén das nosas fronteiras. Os conservadores acusaron á Consellaría de Cultura de “dilapidar” fondos públicos e dubidaron publicamente da utilidade deste tipo de encontros.

O posicionamento dos populares, ao que tamén se sumaron algúns medios, non sentaron nada ben entre moitos dos escritores que participaron nos actos. Para moitos, a polémica ten que ver co papel de cultura “subalterna” que dende determinados sectores se lle dá á nosa literatura. Este xoves, algúns escritores non deixaron pasar a ocasión para analizar o acontecido en diferentes artigos de opinión. Dous exemplos diferentes son os de Manuel Rivas, que estivo na Habana, e o de Xosé Luís Méndez Ferrín, que aínda que estaba convidado non acudiu finalmente. Rivas publica en El País “Cuba, Galicia e o complexo de Procrustes” e Ferrín fai o propio en Faro de Vigo cun artigo titulado “N´A Habana”.

A escritora e presidenta da Fundación Rosalía de Castro, Helena Villar Janeiro, tampouco ten dúbidas do acontecido: “Dame vergoña a utilización política que se fixo da Feira do Libro da Habana. Eu creo que foi un escaparate magnífico. Sen dúbida, sempre pode haber cousas criticábeis, mais neste caso estou segura que se combinaron os ataques electoralistas dun partido cunha preocupante falta de confianza na cultura propia do país. A algúns dálles pánico que a literatura galega se visibilice fóra”.

“Non somos unha Santa Compaña gastronómica”
Máis crítico e expeditivo co ocorrido foi aínda o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (Aelg), Cesáreo Sánchez Iglesias: “Cando se fala do autoodio do colonizado sempre se pensa nas clases populares e isto non é así. Por exemplo, o caso do autoodio revelouse aquí en determinados sectores con poder. O obxectivo é destruír a imaxe positiva que pode vir de fóra cara adentro, porque un pobo tamén é o reflexo de como se percibe dende fóra”. Cesáreo Sánchez mostrouse especialmente doído por algunhas críticas que se verteron contra os participantes na feira: “Nós non somos unha Santa Campaña gastronómica como ten sucedido no pasado, nin imos facer negocios por aí a conta dos emigrantes”.

Outro dos que se sinte moi sorprendido pola polémica é Miguelanxo Prado. O autor, recoñecido internacionalmente polo seu traballo, cre que a presenza da banda deseñada galega na Habana foi moi positiva xa que contribúe a darse a coñecer e abrir novos mercados no exterior. En canto ás críticas ao gasto, Prado sinala que “descoñezo o trasfondo económico do evento. Aínda así coñezo outros desembarcos, como de Cataluña ou o de España en Francfort e foron moito máis espectaculares e potentes. O que sí sería terríbel e ridículo é chegar cunha proposta limitada”. Prado considera que a lista de autores convidados a Cuba é “incontestábel” e cualificou de “irresponsábeis” as lecturas do evento que se fixeron dende “determinadas tribunas”.


4,72/5 (29 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: