Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLÉMICA URBANÍSTICA

A Xunta coñecía a magnitude da recualificación de Aranga dende 2006

No mes de abril dese ano os técnicos da Consellaría de Política Territorial emitiron un informe previo á aprobación inicial do PXOM.

Redacción - 10:00 22/02/2008

A Xunta sabía que en Aranga se planeaba unha recualificación urbanística de gran magnitude dende a primavera do ano 2006. Tal e como se pode comprobar na propia web da Consellaría de Política Territorial, o departamento emitiu xa en abril de 2006 un informe previo á aprobación inicial do PXOM. Os técnicos debullan en tan só catro folios a visión da proposta urbanística que o consistorio remitira en decembro de 2005 e que está a erguer agora numerosas protestas.

O informe pode semellar sorprendentemente lacónico se se ten en conta que se estaba propoñendo unha das maiores recualificacións dos últimos anos en Galiza. O documento subliña que “o plan non achega unha axeitada xustificación coa que fundamentar que a clasificación de solo urbanizábel proposta, tanto de uso residencial como industrial, respecta os principios de utilización racional de recursos naturais e desenvolvemento sostíbel”. Porén, non se volve facer nin unha soa referencia aos 2,5 millóns de metros cadrados que se destinarían a polígono industrial, algo que si se fai á hora de abordar o chan para usos residenciais.

Carlos Aymerich, voceiro do BNG no Parlamento, estivo esta semana con afectados pola recualificación urbanística. O deputado nacionalista mostrou a súa sorpresa polo feito de que a Fiscalía aínda non decidise investigar de oficio o sucedido en Aranga. Aymerich sostén que “nós estamos a favor de que se cree chan industrial se está xustificada a súa necesidade, o problema é cando estas operacións só traen beneficio a uns poucos a conta do patrimonio de moitos veciños”.


4,92/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: