Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
NO ECUADOR DO CURSO

Cincuenta centros incumpren "gravemente" o decreto do galego

A Mesa presentou en Educación unha listaxe cos casos máis graves, salientando que son "só un exemplo" do que realmente hai.

Redacción - 18:42 20/02/2008

A Mesa pola Normalización Lingüística entregou esta cuarta feira no rexistro da Consellaría de Educación unha listaxe cos nomes de medio cento de centros nos que se incumpre "de forma especialmente grave o decreto de galeguización do ensino".

O presidente da asociación, Carlos Callón, asegurou que a listaxe é só unha selección cos nomes daqueles centros dos que A Mesa ten coñecemento, mais salientou que existen moitos máis na mesma liña: "case sería máis fácil entregar unha listaxe de parabéns aos centros nos que si se cumpre, que unha nómina de todos os que non o fan", dixo Callón, poñendo como exemplo que "en ningún ciclo formativo de toda Galiza se cumpren os mínimos estabelecidos pola lexislación".

Dende A Mesa tamén destacaron que o incumprimento é masivo, sobre todo "no tocante aos ciclos formativos e ao ensino infantil, unha etapa educativa onde, segundo o novo decreto, o galego tería de ser a lingua vehicular nas zonas de maioría galego falante, e chegar a un mínimo dun cincuenta por cento nos outros sitios".

Nalgúns colexios mesmo os propios mestres recoñecen o incumprimento da norma por escrito. Algúns exemplos sabidos pola Mesa: hai quen, tendo o libro en galego, tradúceo, dando os apuntamentos en castelán, ou quen mesmo dá as clases da materia de Lingua Galega tamén en castelán.

Nas vilas, nas cidades e no rural, incumprimento por igual
O presidente da Mesa quixo destacar que os nomes destes centros denunciados ante Educación non se van facer públicos, de momento. Porén, vaise realizar un seguimento para comprobar que se está a traballar de cara á aplicación de norma. Se os centros "persistiren", daquela si que se darán a coñecer os seus nomes.

Segundo Carlos Callón, os casos recollidos de vulneración do decreto no conxunto do país distribúense dun xeito semellante en cidades, vilas e no rural, algo que cualificou de "un tanto sorprendente". Callón destacou tamén o feito de que "non hai moitas diferenzas entre centros públicos e concertados".

Unha listaxe de medio cento de centros dos que deron aviso
Os datos presentados foron obtidos grazas á colaboración "da base social da Mesa", segundo a propia organización, cuxo presidente informou de que van entregar un novo informe coma este antes de que remate o curso, para que "que a información sexa dinámica, e que os centros que hoxe non cumpren comecen a facelo".

A pesar do negativo dos datos, Callón recoñeceu que "hai unha mudanza a respecto dos últimos anos do PPdeG, e no caso dos libros de texto naquelas disciplinas en que existe material en galego, estase a cumprir máis coa lexislación, aínda que non plenamente".


4,8/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: