O espectáculo poderíase contemplar de principio a fin a partir da unha e media da madrugada. O próximo fenómeno semellante non se repetirá até 2015.
A eclipse de lúa do 3 de marzo de 2007, vista dende Birmingham (Reino Unido) / Flickr: ahisgett
A madrugada do mércores ao xoves poderase observar, se o permite o tempo, unha eclipse total de lúa. A partir da 1:34, a sombra da Terra comezará a tapar o satélite, que quedará oculto entre as 4 e as 4:51. Porén, os raios solares refractados dende a atmosfera terrestre chegarán até a Lúa, dándolle unha cor avermellada.
Dende a Agrupación Astronómica Ío, da Coruña, aseguran que non é necesario ningún tipo de instrumento especial, nin tomar precaucións, nin ter coñecementos especiais para observar o fenómeno. Así é todo, aconséllase levar roupa de abrigo, bebida quente e un asento cómodo. Uns pequenos prismáticos tamén poden axudar a ver máis de preto a eclipse.
Se as nubes non deixan ver o espectáculo astronómico pola noite, a próxima oportunidade de presenciar unha eclipse total de lúa polas nosas latitudes será o 21 de decembro de 2010, e a vindeira que se poida ver de principio a fin, como a deste xoves, non se producirá até o 26 de setembro de 2015.
Segundo as previsións de Meteogalicia, os ocos entre as nubes poderían deixar ver a eclipse, aínda que non durante toda a noite. Tampouco se descartan posíbeis chuvias.