Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CARTA ABERTA

Anxo na terra coma... ¿na Xunta?

Un lector, Anxo Anta, fainos chegar un artigo sobre as dificultades para galeguizar o nome na Administración.

Redacción - 12:20 18/02/2008

Artigo íntegro de Anxo Anta

Anxo na terra coma... ¿na Xunta?


A galeguización do nome é toda unha aventura con situacións rocambolescas e inesperadas e actores de renome, todos eles ingredientes dun taquillazo comercial. Pois para que despois digan que dende aquí non facemos cine rentable, co inspirada que se atopa a administración galega neste senso. Servidor é home de ideas, pero ante todo é cidadán que posúe uns dereitos, e un día exercendo eses dereitos normalizou o seu nome polo que tería que ser se nacese nun momento no que non estaba de moda pór nomes ingleses senón casteláns.

O dereito de poñer o nome en galego non implica só facer un asento marxinal na folla do rexistro civil senón tamén o dereito para rectificar ese dato persoal nas diferentes bases de datos así coma o de trocar este en toda a documentación persoal. É entón cando comeza unha longa peregrinaxe de presentación de escritos a diferentes entidades (públicas e privadas) para que en todo papel ou tarxeta onde antes puña Ángel, agora poña Anxo. E, sendo que o nome actual en galego pasa a ser o nome do interesado para todos os efectos, convertése tamén nunha obriga, coma o caso do DI. Ata aquí todo rodado porque tanto o paso do rexistro civil coma o da expedición do novo DI en casos de galeguización do nome está perfectamente regulamentado.

A situación certamente curiosa atopámola aquí na Xunta. Por unha banda a EGAP ou a Secretaría Xeral de Política Lingüística que che expiden sen problemas duplicados de titulos formativos coa súa correspondente dilixencia por cambio de nome. Pola outra, a Dirección Xeral de Función Pública que se nega a expedirche un novo título de funcionario co nome en galego sen base regulamentaria algunha. O seu único argumento é que “o título expídese no momento de nomeamento e toma de posesión como funcionario”. Vamos, que só se pode emitir unha vez. E eu pregúntome: ¿con base en que regulamento?

Podo ver cómo se esvae no ar o artigo 6 de lei 3/1983, de normalización lingüística, onde di que “a Xunta dictará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego” porque a galeguización do nome é tamén unha forma máis de normalizar o seu uso. Fanse necesarias disposicións dentro da propia adminsitración para evitar a arbitrariedade nas súas actuacións, impedindo que a materialización dos nosos dereitos lingüísticos quede en mans da vontade ou galeguismo do compañeiro ou cargo de vez. Polo tanto, tendo en conta a súa responsabilidade, unha Xunta de Galicia comprometida co galego non pode permitir que os seus órganos actúen cada un á súa maneira, e debe regulamentar estes casos seguindo a xurisprudencia marcada xa por Calaluña e Euskadi a favor do interesado.


5/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: