A ICANN recupera antigos enderezos sen uso para atrasar o esgotamento dos IPv4.
A ICANN, corporación que asigna os nomes e números na internet, conseguiu adiar un pouco máis o inevitábel esgotamento dos enderezos IPv4. O organismo conseguiu liberar 16 millóns de enderezos, concretamente os que comezan por 14, que se usaban para conectar antigas redes.
Aínda que xa comezou a migración cara ao sistema IPv6, a ICANN segue a buscar numeracións libres para satisfacer o imparábel crecemento da internet. E a chamada Net-14 era unha das máis doadas de recuperar. Só se rexistraron 984 enderezos dese rango, moitos deles hai máis de 15 anos. Durante o ano 2007, grazas á cooperación de 50 organizacións, a ICANN puido localizar os rexistradores e comprobar que ningún deses números seguía en uso na actualidade.