O presidente de Xunta ponse do lado de Orozco nas súas críticas ás medidas anunciadas por Quintana.
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, alertou hoxe de que hai que "ter coidado e non imitar" a "tendencia" que "pode haber" de querer construír unha autonomía que "absorba e recentralice" competencias municipais. "Este non é o deseño de pacto de goberno", advertiu Touriño aos seus socios nacionalistas logo das críticas de municipios a iniciativas lexislativas das consellerías de Vivenda e Vicepresidencia por "atentar contra a autonomía local".
"Respecto profundamente a autonomía local e municipal de toda Galicia", garantiu Touriño nunha entrevista en Radio Nacional, despois de que a Fegamp alertase que esta se ve "ameazada" por iniciativas do BNG desde a Consellería de Vivenda ou a futura Lei de Servizos Sociais.
Touriño asegurou "entender" que os concellos "levanten a voz reclamando o seu papel" cando "cren que non son escoitados". No entanto, insistiu en que poden ter "a convicción e seguridade" en que, do mesmo xeito que Lei de medidas urxentes en materia de vivenda e só, a de Servizos Socias vai ser "concertada e dialogada con eles" e recolleranse as súas "mellores achegas".