A Aula Castelao organiza a Semana Galega de Filosofía, que este ano céntrase no tema da utopía como necesidade de pensar de xeito diferente ao xa estabelecido.
Cartaz das xornadas
Son xa 25 anos achegando ao público xeral o pensamento crítico e utilizando a palabra como forma de resistencia. Os representantes da Aula Castelao presentaron o programa desta iniciativa que desta volta xira arredor do tema: Filosofía e Utopía. A elección desta orientación está xustificada: filosofía en conmemoración daquela primeira semana que hai xa 25 anos tratou de crear un espazo de reflexión, levar ás aulas propostas innovadoras na transmisión de coñecemento e normalizar o uso do noso idioma. E utopía, como concepto filosófico que reclama a necesidade de pensar de outro modo, diferente ao imposto pola sociedade.
Nesta ocasión, o Auditorio de Caixanova de Pontevedra acollerá do 24 ao 28 de marzo as máis destacadas figuras intelectuais no ámbito do pensamento, así como representantes de movementos sociais, músicos e actores. Como novidade, os actos complementaranse coas Ultranoites Castelao, nas que actuarán Amancio Prada e a compañía teatral Cuarta Pared, coa representación da obra Rebeldías posíbeis.
O programa das xornadas dividirase en tres apartados: Pensar a utopía; Galiza: realidade e utopía; e Eidos de utopía, que contarán coa participación de relatores como Ramón Villares, Camilo Nogueira, Francisco Ayala ou Ignacio Ramonet entre outros.
Aquí podes descargar o programa completo de actividades, dividido en actividades de mañá, tarde e noite.