Despois de namorar o pasado ano aos asistentes ao seu concerto da Coruña, este domingo a partir das nove da noite fará seu o Auditorio de Galicia.
O repertorio de Ute Lemper abrangue dende as cancións berlinesas de cabaré até as cancións francesas e as creacións de Bertol Bretch e Kurt Weill, ademais dos seus propios textos. Vela no escenario é sentirse namorado, e afirman dela que é a "cantante que contén todas as cantantes, capaz de interpretar tanto o repertorio da posguerra alemá cunha mestura sórdida e romántica, como de traballar en comedias musicais". A súa carreira interpretativa xorde dun compromiso apaixonado e duradeiro coa arte, a política e a historia, e dunha relación polémica e complexa coa súa patria e o seu pasado.
Ten unha vintena de álbums no mercado e os seus concertos, que inclúen Recital Kurt Weill, Ilusions o Cabaret berlinés, téñense celebrado nos lugares máis prestixiosos do mundo como La Scala, o Theatre de le Ville, o Palau da Música de Barcelona, a Ópera de Sydney, o Alice Tully Hall, o Lincoln Center de Nova York e o Teatro Herbst de San Francisco.
O concerto comezará ás nove da noite no Auditorio de Galicia de Compostela, e a entrada terá un prezo de vinte euros (dez para estudantes e xubilados).