Un grupo de investigadores conclúe que o satélite de Saturno posúe centos de veces máis material combustíbel ca o que existe no noso planeta.
Imaxe de Titán tirada pola sonda Cassini / NASA
A lúa máis grande de Saturno, Titán, posúe centos de veces máis hidrocarburos líquidos que todas as reservas de petróleo e de gas da Terra. Estas son as conclusións dun estudo dirixido por Ralph Lorenz e publicado nas Geophysical Research Letters, baseándose nos datos da sonda Cassini.
O traballo do Laboratorio de Física Aplicada da Universidade Johns Hopkins confirma o que xa se sospeitaba: o satélite laranxa está cheo de compostos do carbono e de produtos químicos orgánicos. De feito, chove hidrocarburos, que enchen a superficie da lúa formando mares e lagos. O metano e o etano, a 179 graos baixo cero, xogan o mesmo papel que ten a auga na Terra. En Titán tamén hai dunas que conteñen material orgánico nunha cantidade moi superior ás reservas de carbón do noso planeta.
Porén, o resultado destes estudos non ten como obxectivo promover campañas de exploración das compañías petroleiras, senón investigar como xurdiu a vida na Terra e se existe algún tipo dela en Titán. A Cassini volverase achegar a Titán o 22 de febreiro. Nese momento, o seu radar estudará a zona onde aterrou a sonda Huygens da Axencia Espacial Europea.