Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas desde Bethlem

Semana de detencións

Arredor de cen palestinos pasaron a ocupar diferentes cárceres israelís durante estes últimos días. Crónica de Moncho Iglesias desde Palestina.

Moncho Iglesias - 12:15 14/02/2008

Nunha das semanas máis frutíferas, en canto a detencións se refire, preto de cen palestinos pasaron a ocupar diferentes cárceres israelís durante estes últimos días. A xornada do mércores foi a máis intensa, posto que só pola mañá foron arrestadas 56 persoas en Cisxordania.

Beit Ummar, unha aldea achegada a Hebrón, ao sur de Palestina, deitouse coas luces dos vehículos militares alumeando as súas rúas. O toque de queda no lugar prohibiu o movemento de calquera persoa, agás os 43 detidos do amencer de onte. Amais deles, as cifras aumentaron con diversos arrestos en Belén, Nablus e outras cidades de Cisxordania. Pero non todas as detencións foron buscadas, posto que outras foron atopadas.

De Silwan, un barrio árabe de Xerusalén, son outros dos sete detidos desta semana. Nesta ocasión; algúns deles non foron chamados ás portas das súas casas, senón que acudiron ao calabozo, sen saber que a el entraban, cando dentro se meteron.

A Autoridade Israelí de Antigüidades, subvencionada por Elad –organización xudaica que busca a xudaización da parte máis oriental de Xerusalén, e que chama “Cidade de David” a este barrio-, leva varios meses escavando na veciñanza de Silwan. Grazas a ditas escavacións descubríronse unhas canalizacións que datan da época do segundo templo -518 a.C.- 70 d.C.- e que provocaron físgoas en varias das casas máis achegadas á nova zona arqueolóxica.

Por este motivo, os veciños do lugar decidiron protestar contra estas actuacións e presentar as súas queixas perante a policía, posto que non só as súas casas están sendo afectadas, senón eles mesmos como persoas, debido ao comportamento dos colonos que os rodean.

Os tres palestinos que denunciaron o caso acabaron a noite no calabozo, acusados de interromper os labores arqueolóxicos. Así mesmo, a policía detivo a outras tres persoas que asinaron a petición de suspensión de obras, acusadas de estragar materiais diversos nas piscinas de Shioah, no mesmo lugar. Tanto por este caso, como por outros, espéranse novas detencións nas vindeiras horas.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: