ADEGA ven de apresentar nos xulgados a súa resposta á demanda civil de ACUINOR reclamando unha indemnización de 30.000 €. Logo de ver rexeitada a súa denuncia penal a empresa de Ramón Álvarez-Cascos tenta agora amedrentar ao ecoloxismo galego con millonarias demandas para seguir exercendo o seu dereito de pernada sobre os espazos protexidos. ADEGA reclama a solidariedade do ecoloxismo e a sociedade galega fronte á prepotencia de Álvarez-Cascos. Só faltaría que os galegos e as galegas tiveramos que pagar por defender a terra e a legalidade fronte aos desmáns dos especuladores. |
CRÓNICA DAS ILEGALIDADES NO CASO ACUINOR UNHA DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL Á MEDIDA: non importa que a Directiva de Hábitats diga que nunha zona con hábitats prioritarios só se permitirán actividades relacionadas coa seguridade e a saúde pública ou razóns imperiosas de primeira orde para a conservación dos hábitats. Unha instalación de acuicultura industrial como a que se propuña para Rinlo, en pleno LIC "As Catedrais", incumpre a todas luces estas condicións. A isto hai que engadir a falta de estudo dos impactos das verteduras sobre o banco de percebes colindante e os efeitos detivados retirar do mar de 15.000 a 20.000 crías de polbo que non van a poder reproducirse. Como é posíbel que a Consellaría de Medio Ambiente emitira unha declaración de impacto favorábel?!
UNHA LICENZA MUNICIPAL DE OBRAS TOTALMENTE ILEGAL: en base a esta declaración de impacto ambiental fraudulenta, a uns infomes municipais que nen siqueran mencionaban que había un espazo protexido e cun proxecto sectorial aprobado in extremis no último Consello da Xunta do Sr. Fraga (28/07/05) co governo en funcións, o concello de Ribadeo outorgou licenza sen agardar a que a Consellería de Pesca concedera o permiso de explotación e a autorización para ocupar o dominio público. Unha licenza, pois, totalmente ilegal e coa que o promotor iniciou as obras que logo foron paralisadas por ADEGA.
UNHAS OBRAS DELICTIVAS: sen ningunha autorización da Consellería de Pesca, cunha licenza municipal ilegal, ACUINOR inicia as obras de preparación da parcela coa consecuente destrución duns hábitats protexidos e en perigo de desaparición: dende o noso punto de vista e co Código Penal na man, un claro exemplo de delicto ecolóxico.
UNHA CORRUPCIÓN MANIFESTA: O Sr. Alvárez-Cascos inicia a tramitación do proxecto en maio de 2004 sobre unhas parcelas procedentes da concentración parcelaria de Vilaframil que eran daquela propiedade da Consellería de Agricultura. De que forma sabía o Sr. Alvárez-Cascos en maio do 2004 que a Xunta de Galiza lle ía vender esas dúas parcelas por adxudicación directa, sen sometelas ao trámite normal de venda en pública subasta? E como podía saber que a Consellería de Medio Ambiente non ía tampouco a exercer o dereito de retracto que a Lei de Conservación da Natureza lle outorga (ver o caso de Sálvora ou Cortegada) sobre calquera parcela en espazos naturais protexidos?. Acaso é xusto que se poida vender a 1 €/m2 un solo público para construir un edificio 1600 m2 por planta, sendo o resto ocupado por unha instalación industrial para engorde de polbo e rodaballo?. E aínda máis: de que forma podía saber o Sr. Alvárez-Cascos en maio de 2004 que, apesar das Directivas Europeas, ía contar cunha declaración de impacto ambiental á medida e que, ademáis, ía a ser modificada a Lei do Solo de 2002 (en decembro do mesmo ano) para permitir a autorización de instalacións de acuicultura en solo rústico de protección de espacios naturais?
UNHA INXUSTIZA INACEITÁBEL: se a Lei ha de ser igual para todos, non resulta doado de entender que alí onde calquer veciño/as de Rinlo ou Ribadeo non puido levantar a súa casa ou o seu negocio por tratarse de espazos protexidos, poida logo D. Ramón Álvarez-Cascos ocupar unha parcela de 42.000 m2 cunha instalación industrial. Dende calquera punto de vista, declarar a protección dun espazo para logo permitir a súa venda a baixo prezo tiña que ser, ademáis de manifesta inxustiza, un flagrante delicto que habería que perseguir.
UNHA INDIGNIDADE SOCIAL: esta mesma piscifatoría xa fora rexeitada antes nos concellos asturianos de Valdés (setembro de 2002 e febreiro de 2003), e no de Castropol (setembro de 2003). Ben seguro que, ao igual que en Ribadeo, ningún destes dous concellos anda sobrado de postos de traballo e, apesar disto, en ambos foi rexeitado o proxecto xa dende o propio concello por afectar a espazos protexidos. Acaso os espazos da Rede Natura galega son de menor valor que os asturianos?
AS RESPONSABILIDADES: A primeira da anterior Consellería de Medio Ambiente, ao formular unha declaración de impacto ambiental favorábel, contra o que dispón a Directiva Hábitats. A segunda, do Concello de Ribadeo, ao dar unha licenza de obras sen agardar polas autorizacións previas e preceitivas da Xunta de Galiza. E polo que respeita á actual Consellería de Medio Ambiente, é tamén responsábel por negarse a aplicar a lexislación de protección da Rede Natura, excusándose na herdanza do governo anterior. O proxecto de Pescanova en Touriñán atopábase na mesma fase de tramitación e foi rexeitado. Por qué non valeu o mesmo para Rinlo? Argumentos técnicos e resortes xurídicos non faltaban: a consellería debeu exercer o dereito de retracto sobre as parcelas de haber vontade política de defender os intereses públicos.
Finalmente, ADEGA advirte que de producirse un fallo favorábel a Álvarez-Cascos, a cidadanía galega ficará indemne fronte aos atropelos dos especuladores e industriais sen escrúpulos, que verán lexitimada a súa política de "feitos consumados". A administración debería ter feito o seu traballo, en troques de mirar para outro lado e delegar de facto nunha ONG a tarefa de salvagardar o noso patrimonio natural e garantir o cumprimento da lei.
Quén mirará en diante pola nosa natureza se a xustiza consuma este atropelo?