A ONG luguesa A Cova da Terra abre a súa tenda en liña.
As ONG do país están a aproveitar o pulo das novas tecnoloxías para promocionar o comercio xusto. Así, a organización luguesa A Cova da Terra anunciou a posta en marcha da súa tenda electrónica. Co obxectivo de achegar a produción ecolóxica aos consumidores, A Cova da Terra ofrecerá un desconto do 5% nos prezos da tenda en liña. Os pedidos chegan directamente á casa dos usuarios nun prazo máximo de 7 días.
A iniciativa da Cova da Terra dá un paso adiante no seu obxectivo de difundir o comercio social e ambientalmente responsábel aproveitando as posibilidades das TIC. Nun principio só ofrecerá produtos de comercio xusto, aínda que ten previsto ir ampliando a oferta da súa cibertenda.
Non é, porén, a única iniciativa de venda de produtos de comercio xusto a través da Internet. Pódese facer o mesmo, por exemplo, na web de Intermón Oxfam. Ademais, Implicadas no desenvolvemento e Amarante ofrecen a posibilidade de facer pedidos a través do correo electrónico.
Na web da Coordenadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento hai unha listaxe de tendas onde se poden adquirir produtos do comercio xusto.