Os máis de 60 colectivos que compoñen esta rede convocan para o domingo 17 unha protesta na que se denuncia o mal uso que se lle está a dar ao territorio.
Baixo o lema "Galiza Non se Vende: Contra a destrución do territorio", máis 60 colectivos tomarán as rúas de Compostela o domingo 17 para reivindicar un mellor uso do noso patrimonio. A partir das 12 do mediodía e con saída dende a Alameda os manifestantes reivindicarán o "uso insustentábel do territorio que está a destruír a paisaxe e o patrimonio cultural, a empobrecer a biodiversidade, empeorar a calidade de vida e hipotecar as xeracións futuras para enriquecer a unha minoría".
A rede Galiza Non se Vende reúne moitas causas que están a prexudicar o entorno no que vivimos, e que teñen un mesmo punto en común: "a inexistencia dun ordenamento territorial ecoloxicamente sustentábel e socialmente xusto". A planta de Reganosa, o PXOM de Vigo, ou o trazado do TAV son tan só algunhas das causas contra as que protestar o domingo 17 en Compostela, pero tamén a estrutura política actual debe ser revisada, xa que "non están a respostar aos problemas" e aínda se está a tempo de cambialo.
Mabel Rivera, da Fundación Galicia Verde e Xan Duro, de Verdegaia, denuncian a situación actual na que se atopa o país e reclaman a necesidade da mobilización social para acadar un cambio.