A empresa Arriva inclúe o servizo, de balde, en dous dos seus autobuses.
A liña de autobuses entre Ferrol e A Coruña contará a partir deste luns con dous vehículos equipados con conexión wi-fi á internet. A compañía Arriva, concesionaria da ruta, presentou este luns o servizo, enmarcado na campaña 'Conéctate' para a promoción do transporte público.
Os usuarios dos autobuses, cada un con 70 prazas, poderanse conectar de balde á rede durante os 45 minutos que dura o traxecto. É a primeira iniciativa deste tipo do Estado Español, aínda que xa é frecuente en Europa dotar de identidade comercial unha liña regular determinada e mellorar as súas condicións.
A actual conexión entre Ferrol e A Coruña absorbe unha media de 20.000 viaxeiros ao mes, con conexións diarias dende primeira hora da mañá até a noite.