O pasado ano a banda deseñada galega triunfou no salón, levando tres importantes premios. Precisamente os tres premiados terán exposicións de seu en 2008.
A 26ª edición do Saló do Cómic de Barcelona, que se celebrará entre o 17 e o 20 de abril, terá como principal atractivo a presenza de Jean Giraud, Moebius. Outro dos protagonistas do salón será Max, que en 2007 levou tres premios (mellor obra, mellor debuxo e mellor guión) polo seu Bardín el superrealista, e que por suposto tamén contará con exposición de seu.
En 2007 David Rubín gañou o premio Josep Toutain ao autor revelación, e nesta ocasión presentará a antoloxía Teteras y dragones: un paseo por el mundo de David Rubín, que permitirá coñecer a evolución do traballo deste autor, aínda moi novo pero que xa acadou importantes recoñecementos. O pasado ano Miguelanxo Prado tamén foi protagonista, pois obtivo o Gran Premio del Saló, o máis importante dos concedidos, en recoñecemento a toda unha traxectoria profesional. Nesta ocasión Prado presenta a exposición de ilustracións do seu filme De Profundis.
Finalmente, o colectivo Polaqia levou o pasado o premio ao mellor fanzine por Barsowia. Este importante recoñecemento permitiralles estar presentes no Saló cunha mostra na que exporán unha selección de orixinais publicados na revista. Precisamente a ese galardón de mellor fanzine do ano opta nesta edición a revista Retranca, que iniciou a súa particular campaña electoral para recibir os votos que lle permitan levar o premio.