O simbólico edificio, construído durante a Primeira Guerra Mundial, vai ser transformado nun moderno centro comercial, o que xa provocou as protestas de veciños e 'vendedeiras'.
A cámara de Porto quere transformar o Mercado do Bolhão, un dos símbolos da cidade, nun moderno centro comercial. O proxecto implica a demolición do seu interior, respectando apenas a fachada, e a desaparición dos postos de venda tradicionais. Grupos de cidadáns, clientes e as propias vendedeiras levan semanas organizándose, esixindo a paralización do proxecto, recollendo sinaturas, e este sábado mesmo organizaron unha manifestación no propio lugar.
Os protestantes admiten a crise do mercado, abandonado e desatendido nos últimos anos polos sucesivos gobernos municipais, e reclaman a execución do proxecto de rehabilitación escollido polo concello nos anos noventa e nunca levado a cabo. O proxecto do arquitecto Joaquim Massena mantiña vivo o tecido físico do mercado, incorporando novos usos, funcións e horarios de funcionamento.
O mercado do Bolhão é un dos ex libris de Porto. Situado na Baixa, a súa entrada principal mira á rúa Sá da Bandeira, aínda que tamén ten portas na rúa Formosa, e nas rúas Alexandre Braga e Fernandes Tomás. Comezou a construírse en 1851 nun lameiro propriedade dos condes de San Martinho, aínda que a súa estrutura actual provén da Primeira Guerra Mundial, un proxecto de António Correia da Silva.
O Bolhão organízase nun gran patio interior ao redor dun chafariz de catro bocas, e os postos de venda distribúense ao longo deste nivel, así coma nos balcóns que rodean o patio. As crónicas publicadas pola prensa portuguesa inciden nas historias persoais das vendedeiras e dos clientes de toda a vida do mercado, como Dona Amélia, de 65 anos, que leva corenta levando ao Bolhao flores e hortalizas. O Jornal de Notícias fai un idílico retrato do espazo en perigo: “o Bolhão quase parece um mercado parisiense. Música mistura-se com os pregões de venda, pássaros em bando voam em loop sem abandonar o recinto, perfume de flores e peixe fresco, frutas e leguminosas, cheiro a pão quente”. O Bolhão pode estar vivindo os seus últimos días.