Os episodios dunha das producións de máis éxito de audiencia da NRK ofrécense de balde, con alta calidade de imaxe e sen restricións.
Lars Monsen / NRK
A cada vez maior competencia que lle supón ás televisións a internet está a facer que experimenten novos xeitos de facer chegar os seus programas ao público. Unha das últimas novidades é a da televisión pública norueguesa, NRK, que puxo a disposición dos internautas, de balde e sen limitacións de uso (DRM), todos os episodios dunha das súas series de maior éxito.
O documental Nordkalotten 365 conta a viaxe de Lars Monsen polo norte de Escandinavia durante un ano. A serie tivo unha audiencia media de 900.000 espectadores nun país con 4,6 millóns de habitantes, e un share próximo ao 50%. NRK decidiu experimentar ceibando os episodios na rede BitTorrent como un xeito de facer dispoñíbel un contido con alta calidade de imaxe sen consumir largo de banda nin ter que investir en grandes servidores dedicados.
Ás vinte e catro horas, o primeiro episodio xa fora descargado por 8.000 persoas. A cadea destaca o bo funcionamento da rede BitTorrent, que permite descargas moi rápidas en poucos minutos, o que o fai ideal para a distribución de material legal e de alta calidade. O vídeo está comprimido co códec H264 a un tamaño de 1024 por 576 píxeles e cada episodio ocupa uns 600 megabytes.