Tamén se han crear instalacións especializadas no tratamento da enfermidade nos centros que xa hai. Hoxe en día hai en Galiza preto de 50 mil persoas con esta e outras demencias.
Sete destes once centros, anunciados hoxe no Consello semanal da Xunta, estarán nas sete grandes cidades galegas. O resto, os outros catro, nas vilas de Moaña, Ribeira, O Porriño e Monforte de Lemos.
Ademais dos novos centros, co decreto aprobado esta quinta feira, poderanse sumar á rede aqueles centros de titularidade local ou privada que o soliciten (e que cumpran os requisitos esixidos), e poderán crearse novas unidades de atención a enfermos de Alzheimer e outras demencias nos centros que xa existen en Galiza.
Atención social especializada
Así, aumenta considerabelmente a rede de centros de día de Galiza, e as súas actuacións na procura do benestar dos anciáns galegos amplifícanse.
O Alzheimer é a primeira causa de demencia nos países desenvolvidos, e en Galiza, en concreto, hai preto de 50 mil persoas diagnosticadas desta e doutras demencias neurodexenerativas.
Esta nova rede de centros desenvólvese tendo en conta as elevadas necesidades asistenciais que precisan as persoas que padecen Alzheimer e outras demencias, e tendo en conta, ademais, as necesidades de apoio dos seus familiares.
Poderán acceder aos centros de día e unidades de Alzheimer as persoas que (independentemente da súa idade), teñan diagnosticada a enfermidade. Estes centros contarán, normalmente, cun número máximo de 40 prazas. As unidades de Alzheimer terán un máximo de 15 prazas. Os centros poderán ademais desenvolver programas de carácter comunitario dirixidos a un número maior de enfermos desta e doutras demencias da zona.