Solicitan ao PSOE que sexa posíbel estudalo nas escolas do noso país antes de propor que se faga, xunto co catalán e co éuscaro, nas entidades educativas andaluzas.
Actualmente non se pode estudar galego en todas as Escolas de Idiomas. Flickr: _yh
A Mesa pola Normalización Lingüística reclamou ante o Partido Socialista Galego que as institucións dean unha “garantía verdadeira” do estudo do galego nas Escolas Oficiais de Idiomas do noso país, por ser “o idioma propio segundo a lexislación vixente”. Así, o organismo solicita ao PSdeG que antes de propoñer que o galego, xunto co catalán e co éuscaro, se estude nas escolas andaluzas, punto do programa electoral do PSOE andaluz para as eleccións ao Parlamento, primeiro se garanta que todas as EOI de Galiza poidan cursar os estudos oficiais de galego.
Actualmente só é posíbel cursar estes estudos nas sete cidades galegas, mais non existe esta posibilidade en moitas EOI de Galiza, como as de Vilagarcía de Arousa, Monforte de Lemos, Viveiro e Ribadeo. O principal é “garantir que o estudo do galego sexa posíbel, antes de máis, no propio territorio onde se fala”, indican dende a Mesa pola Normalización Lingüística, e “unha vez neses mínimos, o estudo da lingua galega pode estenderse a onde se quixer”.
Demanda das escolas de idiomas
O secretario de Organización do PSOE de Andalucía, Luís Pizarro, asegura que a proposta recollida no programa electoral do partido de incluír o estudo do catalán, éuscaro e galego nas escolas de idiomas responde a unha demanda das propias escolas. Pizarro indicou ademais que esta ensinanza é voluntaria, e se impartirá cando a demanda sexa suficiente, segundo recollan as entidades educativas. Con estas afirmacións responde o PSOE ás críticas do Partido Popular nas que describía a iniciativa como "coartada para o nacionalismo vasco e catalán".