O sociólogo e poeta Xosé Leira presidirá o xurado do certame convocado por Radiofusión.
Aproveitando a recente celebración, a pasada fin de semana, da Candeloria, que segundo a tradición do país é o día no que "casan os paxariños", Radiofusión avanzou xa o xurado do certame de cartas de amor en lingua galega convocado en Fene.
O sociólogo e poeta Xosé Leira presidirá o xurado. Leira, profesor na Faculdade de Humanidades da Universidade da Coruña, no campus de Ferrol participou con 4 poemas de amor no libro colectivo Poemas e mar de fondo que recolle os versos dos autores participantes no recital poético no faro de Fisterra do proxecto Aulas no Camiño. Ademais de Leira publican tamén nese volume, escritores como Manuel María, Salvador Garcia Bodaño e Miro Villar. Leira publicou en 1996 na Editorial Espiral Maior o libro Canto custa instalarse no amor con prólogo de Xose Luis Méndez Ferrin e epílogo de Fermín Bouza, o que avala a súa experiencia e coñecemento en literatura amorosa. Con Xosé Leira participarán no xurado o profesor de Lingua e Literatura Galega Xosé Manuel Sarille, a redactora de Radiofusión María Xesús Arias e o alcalde de Fene Iván Puentes.
Os interesados deberán enviar as súas cartas, en prosa ou en verso e escritas en galego, antes do 12 de febreiro, para o que deberán envialas á dirección de correo electrónico direccion (arroba) radiofusion.eu, ou ben recorrer ao correo tradicional en Radiofusión. Praza do Concello s/n. 15500 Fene (A Coruña), baixo plica. A carta non poderá superar o folio de extensión, mecanografado a dobre espazo. Tamén se poderán escribir a mans, sempre que sexan intelixíbeis.