No medio e medio do Entroido comeza a cuarta edición de BCNegra, unha semana dedicada ao xénero literario criminal e policíaco.
E por primeira vez Galiza ten voz de seu. Se ben o ano pasado xa estivo presente o escritor galego Domingo Villar para presentar a versión castelá de Ollos de auga, hogano son dos autores os que presentarán en galego algunhas das súas obras.
Na mesa redonda que no Palau de la Virreina ás 19.30 h moderará quen asina esta crónica, participarán Xosé Miranda (autor de A tres bandas) e Diego Ameixeiras (autor de Baixo mínimos e mais Cidadán do mes). Ambos os dous teñen no seu currículo ser gañadores do premio Xerais de novela: Miranda en 1998 con Morning Star e Ameixeiras en 2006 con Tres segundos de memoria.
Se Galicia ten as condicións para reivindicar unha personalidade nacional, tamén no terreo do crime ten unhas características de seu. A tradición do contrabando (transformado hai uns anos en narcotráfico), o ingreso nas forzas de seguridade como unha das principais saídas laborais para moitos galegos, as dificultades para establecer no país os dereitos cidadáns, o profundo vencello á propiedade da terra, son algúns dos elementos que poden facer distinta a historia do crime en Galicia verbo doutras terras. E os escritores non son alleos a iso.
Á espera das manifestacións dos escritores galegos presentes na BCNegra 2008, o cultivo deste xénero en lingua galega debe ser visto como algo normal e normalizador. Os xéneros populares –populares polos lectores aos que van destinados e polo emprego dunha linguaxe cotiá, da rúa, mais non por iso estragada- son a mellor vía para a supervivencia da lingua. E niso ninguén ten que pedir xustificacións.
Mesa redonda: "Negra i gallega. La narrativa policial a Galícia, avui"
Cos escritores Xosé Miranda e Diego Ameixeiras.
Moderador: Joaquim Ventura.
Martes, 5 de febreiro, 19:30 h
Palau de la Virreina
La Rambla, 99
Entrada de balde.