Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
8,7 MILLÓNS DE EUROS

Vicepresidencia creará o primeiro centro para persoas con dependencia física

Anxo Quintana anunciou, ademais, a posta en marcha de sete nove centros para atención a persoas con discapacidade psíquica dentro dun plan de equipamentos.

Redacción - 18:30 04/02/2008
O vicepresidente, durante o acto de presentación

O vicepresidente, durante o acto de presentación

O vicepresidente da Xunta presentou este luns o proxecto do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi), destinado á atención ás persoas con discapacidade que abranguerá todos os puntos de vista: a saúde, a formación, o emprego, o apoio familiar, a integración social e a sensibilización da poboación en xeral. O centro terá un orzamento de 8,7 millóns de euros e un prazo de execución de 18 meses.

Anxo Quintana cualificou o Cegadi de "referente europeo na atención á discapacidade". O servizo contará con máis de 8.700 metros cadrados, 32 habitacións individuais e 2 vivendas piloto. Ademais, anunciou que se construirán outros catro centros públicos e tres máis en colaboración con colectivos de persoas con discapacidade.

O Cegadi atenderá persoas dependentes con discapacidade física, aos seus familiares, que recibirán asesoramento, e á sociedade en xeral, mediante campañas de sensibilización. Incluirá, ademais, un servizo de formación e emprego, para fomentar a inserción laboral das persoas beneficiarias, ás que se impartirá formación profesional de grao medio e superior, con especialidades como a informática, as artes gráficas e a comunicación.

Tamén dispoñerá dun servizo de habilitación e mantemento funcional para que as persoas con discapacidade poidan desenvolver ao máximo o seu potencial físico. No Cegadi haberá, así mesmo, un servizo de vivendas piloto para habilitar nas actividades diarias as persoas dependentes e as súas familias, e un centro de I+D+i para a vida autónoma e independente, destinado a desenvolver axudas técnicas para mellorar a mobilidade persoal.

Plan de equipamentos
Quintana anunciou que Vicepresidencia ten en marcha un plan de equipamentos para a atención da discapacidade intelectual que contempla a construción de sete novos centros. Até agora só había catro instalacións deste tipo, ás que se sumarán dúas de atención diúrna e residencial para persoas dependentes con discapacidade intelectual, un centro residencial e de atención diúrna para persoas con dano cerebral adquirido e un centro para persoas con discapacidade intelectual e transtornos duais.

Por outra banda, construiranse tres centros máis en colaboración con entidades do colectivo: un centro residencial e de día para persoas con dano cerebral adquirido, un para persoas maiores con discapacidade e outro para persoas con discapacidade intelectual grave. O vicepresidente da Xunta anunciou que o seu departamento participará nos órganos de dirección e na xestión destes centros.

No referente á localización dos centros, indicou que se centrarán nas provincias da Coruña e de Ourense, que carecían até o de agora destes servizos. Espérase que entren en funcionamento entre 2009 e 2010 e terán un orzamento conxunto superior aos 33 millóns de euros, coa creación de 537 novas prazas.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: