A pesar de que o entroido portugués está cada vez máis 'abrasileirado', en moitas vilas mantéñese as vellas tradicións.
Estarreja, Lazarim, Saloio de Loures, Mealhada, Nazaré, Ovar, Podence, Sesimbra, Sines, Torres Vedras ou Vila Nova de Famalicão son as capitais do entroido portugués, que na noite de luns para martes vive o o seu apoxeo. Moitas conservan aínda as vellas tradicións, como Lazarim, Guarda ou Podence, mentres que na maior parte das cidades, como Lisboa, Estarreja, Sines ou Porto organízanse grandes desfiles á maneira de Brasil, mesmo coa presenza de escolas de samba e carros alegóricos.
Tamén é coñecido o entroido de Loulé, onde este ano desfilarán 17 carros. Ou o de Loures, no que desfilan máis de mil figurantes, e o de Ovar, que dura máis de tres semanas. En Mealhada existen até trece escolas de samba, e o carácter abrasileirado do entroido complétase coa presenza de coñecidos actores do país americano, moi coñecidos en Portugal polas súas aparicións en varias telenovelas. Finalmente, en Vila Nova de Famalicão, os protagonista será a música da agrupación viguesa D'Tacón, a actuación estrela da noite deste luns.
O entrudo popular
Lazarim, a doce quilómetros de Lamego, vive unha das festas máis singulares de todo o carnaval. Non hai samba, nin rei e raíña da festa, ao estilo do Brasil, nin chifres. A celebración comeza coa lectura dun testamento inzado de retranca, no que se critica a personaxes populares do lugar e de todo o país, un texto lido polos moxos e mozas da vila, e que mesmo deu lugar algún ano a algunha demanda popular. Na Terça-feira Gorda ten lugar o desfile dos caretos, que van chocallando polas rúas, o concurso de carautas e a queima dos compadres, o chamado fogo preso.
Tamén en Podence, próximo a Macedo de Cavaleiros (Bragança), hai chocalhos, que penduran da cintura dos Caretos, que vestidos con vivas cores, bailan a tradicional danza do chocalhar, unha representación do diaño: asediando as mulleres, invadindo adegas e casas alleas, e cometendo toda caste de excesos.
En Guarda é moi popular o xulgamento e morte do galo, ao que se culpa de todos os males e problemas do ano anterior. Pola noite, despois da representación do xuízo, o animal é queimado na Praza Vella da Vila. E en Nazaré os protagonistas son as Trotinetas, agrupacións formadas só por mulleres, e as Bicicletas, grupos de homes que percorren a vila sobre dúas rodas. Finalmente, en Sesimbra a cuarta feira sotérrase o bacallau, con canto da sardiña.