O líder en buscas cre que a compañía de Bill Gates pretende acabar coa apertura e coa innovación da internet.
Representación artística da oferta de Microsoft / Flickr: Gnal
Google reaccionou á oferta de Microsoft para mercar o seu rival Yahoo afirmando que a compañía de Bill Gates rompe os principios do negocio. Nunha carta escrita polo vicepresidente de Google, David Drummond, afirma que o anuncio de Microsoft vai contra a apertura e a innovación, que deben predominar na rede, e pregúntase se Microsoft vai exercer na internet unha influencia "inapropiada e ilegal" como no mercado dos computadores.
Tamén amosou a súa preocupación polo feito de que a suma de Yahoo e Microsoft poida limitar o libre acceso dos consumidores aos competidores. Por iso, pediulles aos lexisladores de todo o mundo que tomen medidas. Microsoft respondeu asegurando que están comprometidos coa apertura e coa innovación e lembrando que Google acapara xa o 75% das buscas no mundo.
Pola súa banda, Yahoo afirmou que a oferta de compra "non solicitada" será estudada polo seu Consello de Administración. Polo momento, xa está a considerar unha alianza con Google para facerlle fronte á proposta de Microsoft e, en calquera caso, conseguir que aumente a súa oferta de 30.000 millóns de euros.