Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Valdeorras

Edición xestionada por Gustavo Docampo
RSS de Valdeorras
ROSA ENRÍQUEZ, POETA

"O libro é optimista, porque retrata unha dor, mais tamén a esperanza de ser feliz"

A pasada semana presentou o seu primeiro libro, 'Vestíbulo da Devastación', publicado en Espiral Maior.

Marcos S. Pérez - 09:30 10/02/2008

Rosa Enríquez é profesora de franćes no IES Macías o Namorado de Padrón. Colabora como articulista en La Región e en revistas literarias como Xistral, Dorna, A Casa da Gramática, Ólisbos e Leña Verde. En 2005 obtivo o Premio Francisco Añón do Consello de Outes polo poemario Nas aforas. Rosa é de Valdeorras e publica o blog Valdeorosa.

Malia ao título, e á presenza da dor nos poemas, eu acho que o libro é optimista, estás de acordo?
Pois alégrame que penses así; eu tamén o creo. O libro retrata unha dor, obsérvaa. Pero sobre todo procura a liberdade, fala da satisfacción persoal, da esperanza de atopar un recuncho no que ser feliz. Cada un ten que atopar na vida algo que lle satisfaza, que lle dea sentido ao que facemos.

No poema que pecha o libro dis que na calma está a palabra, e na palabra a beleza. O proceso creativo traballa mellor nun estado de axitación ou de calma?
O proceso creativo é complexo. É precisa a axitación, claro, aí xorden as emocións, pero cando un acada o repouso, na madurez, é cando un mellor pode contar o que ten no interior, coa perspectiva que dá o tempo.

E quen é Lucie, protagonista de parte dos poemas?
Lucie é unha personaxe que representa todas as persoas que se senten mal, que teñen unha frustración produto de non facer ou non posuír aquilo que outros lles dixeron que debían facer ou posuír. A imaxe é dun grupo de xente camiñando nesa dirección, obrigados. Lucie non camiña, baila, pero o problema é que baila en círculos, só pode dar voltas, pechada como unha bailarina nunha caixa de música.

Na presentación lembraches unha conversa que tiveras con Fernán Vello hai un tempo na que lle falaras de que sentías que había algo dentro de ti a piques de agromar, e que finalmente foi a poesía.

Si, eu sempre escribira, sobre todo antes de chegar á facultade. Pero despois parei. Só despois de aprobar a oposición, ao ter máis tempo libre, volvín escribir, gañei un premio, e enviei o poemario a Espiral Maior.

No teu caso, escribir foi unha necesidade. Cres que a poesía é terapéutica?
Vargas Llosa di que escribir é un sanatorio. Sen pretender compararme con el, si atopo un gran pracer no acto de escribir.

Cres que a túa poesía ten unha marca de xénero moi presente?
Conta as cousas dende unha perspectiva feminina, iso está claro. Coido que é moi necesario que se expresen e se coñezan as visións do mundo que temos as mulleres, que as coñezan as mulleres, e tamén os homes, que coñezan esta visión, que non é antagónica, senón complementaria. Con total normalidade, deixando atrás eses comentarios de "outro libro de poesía feminina". Ou é que cando un home publica un poemario alguén di: "mira, outro libro máis de poesía masculina"?

Ninguén chega a nós

O meu neno pequeno

Necesito esta consciencia en Top-Less

Abre o pano

Invencíbel


4,83/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: