As de Vilagarcía reciben ás israelitas nos oitavos de final da segunda competición europea de clubes máis importante (a FIBA Eurocap).
Xogan en Fontecarmoa esta tardiña e son o único clube do Estado Español que aínda se mantén na FIBA Eurocup, tras caer o Hondarribia, o CB San José e o Gran Canaria, este último eliminado precisamente polas de Isaac Fernández.
Pero nesta rolda teñen como rival a un clásico da competición, o equipo israelí Electra Ramat Hasharon, que ademais é un dos favoritos, con xogadoras coma Jackson e Perkins, que anotan unha media de 36 puntos por partido; ou a bosnia Vilipc, que ten unha media de 16 puntos en cada encontro. Destas, sobre todo, e das que van ter que estar pendentes as arousás.
En canto ao cadro de Vilagarcía, aínda non se sabe se unha das súas apostas ofensivas, Agne Ciudariene, vai poder xogar, posto que ten mancado o cóbado dende o pasado fin de semana, cando se xogou o derbi contra o Celta Vigourban. E tampouco se sabe sa vai estar a francesa Leslie Ardon, que arrastra molestias no nocello, despois de sufrir, unha tras outra, varias escordaduras.
O importante é afrontar ben esta eliminatoria (e o Extrugasa está forte na casa), e, de non gañar, que é o primeiro obxectivo, perder polos menos posíbel para volver encontrarse, con certa vantaxe, ante as israelitas o vindeiro 7 de febreiro (na volta).