Non se sabe se vai querer adestrar dende a distancia, como Clemente a Irán, pero aceptar, aceptou.
Pulpis
Xosé María Pazos, Pulpis, comezou a xogar ao fútbol en Compostela, sempre de porteiro, até que en xuvenís deulle polo fútbol sala, e alí atopou o seu mundo. Ten dirixido ao Lobelle, co que gañou a Recopa de Europa o ano pasado, e estivo no banco do Azkar Lugo, co que conseguiu ascender a División de Honra, e de aí á primeira do fútbol sala, onde o equipo segue a manterse. Tamén adestrou ao xa desaparecido Barcel Euro, na primeira categoría do futsal estatal.
Sabe un chisco da selección tailandesa, e, aínda que cualifica o seu fútbol de "moi exótico", vai ter abondo traballo por diante cun equipo bastante anárquico, se o ollamos collendo como referencia o fútbol sala europeo.
A selección tailandesa foi unhas das opcións que barallou, pois tamén recibiu ofertas de Croacia, Rusia e Kazaxistán. Só asinou contrato até comezos do verán, porque agarda facer un bo papel na Copa de Asia, a primeira competición grande na que vai participar Tailandia, pero o galego non descarta continuar no equipo se as cousas van ben e se se chega mesmo a conseguir o pasaporte para xogar o Mundial de Brasil.
Se as cousas non saen como ten pensado, se cadra atopa un ansiado sitio nalgún equipo da división de honra.