Contaminación química, abusos laborais, invasión de especies foráneas, destrución da costa... Así o repasa un informe de Greenpeace.
Apoiar o desenvolvemento social e económico dos contornos locais onde se asentan os proxectos acuícolas debera ser un dos criterios de sustentabilidade a considerar cando se deseñen este tipo de iniciativas. Pero iso non sucede así, tal e como o denuncia o informe que Greenpeace fai público esta semana, co título "A industria acuícola e de engorde: un reto de sostibilidade".
Ao tempo que o volume do sector se incrementa considerablemente, de xeito que en determinadas especies de peixe e marisco case a metade da venda xa procede de instalacións acuícolas, as prácticas "destrutivas" serían habituais no proceder das empresas. Fronte a esa situación, os ecoloxistas consideran que o consumidor debe tomar conciencia do que acontece e axudar a facer presión para que a industria cambie estas actitudes.
A "gravidade" dos impactos
A situación en Galiza serviu de exemplo este luns durante a presentación do informe para exemplificar cos problemas de destrución costeira. Indican os responsábeis de Greenpeace que en moitas outras partes do mundo se están destruíndo espazos de alto valor ambiental para despregar instalacións acuícolas e denuncian que en Galiza mesmo se teimase en invadir espazos protexidos baixo a Rede Natura 2000.
Alén diso, a contaminación química é outro dos problemas principais deste tipo de instalacións. Para o control de vermes, bacterias, fungos e outros patóxenos, a acuicultura bota man de moitos produtos químicos que poñen en risco non só a biodiversidade próxima senón tamén a saúde pública, debido por exemplo ao posíbel descontrol no uso de antibióticos.
A sobrepesca é outro dos paradoxais problemas. Así, e no canto de reduciren a presión sobre os caladoiros, o crecemento do número de piscifactorías aumenta a demanda de determinadas especies usadas para o engorde doutras. Por exemplo, no caso do salmón, para que un exemplar aumente un só quilo, cómpren até 4 ou 5 kg doutro peixe. Máis aínda no que lle toca ao atún vermello, que necesita até de 20kg adicionais por quilo de peixe producido.
Outro impacto ao medio próximo aparece coa fuga de especies, que acaban en conflito coas especies propias do contorno mariño onde está a factoría acuícola. Por exemplo, o salmón Atlántico liberado no Pacífico eliminou grandes poboacións de troita arcoiris, ao rachar o equilibrio daqueles ecosistemas entrando en competencia.
Os "abusos" aos dereitos humanos
Filipinas, Vietnam, Tailandia, Bangladesh, Ecuador, Honduras ou Brasil son exemplo, segundo o estudo de Greenpeace, de lugares onde a construción de piscifactorías implicou o desprazamento de poboación. Non só se lle bloqueou o acceso á costa en zonas mariñeiras das que tradicionalmente vivían algunhas comunidades, senón que ás veces nin sequera compensación económica se estabeleceu ao respecto. Greenpeace denuncia especialmente o acontecido en Banglasdesh, onde se detectaron máis dun cento de asasinatos relacionados directamente co negocio da acuicultura.